Thursday 02 de May de 2024

O Concello de Noia agradece a doazón de 30 equipos completos de protección individual por parte da empresa noiesa AGMA SL


O Concello de Noia vén de recibir unha doazón de 30 equipos completos de protección individual (EPI´s) por parte de AGMA SL, empresa emprazada no polígono noiés de Augalevada e que se dedica á fabricación, venda e aluguer de equipos e materiais para descontaminación. O alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, agradeceu a doazón “duns equipos necesarios e que serán empregados por integrantes de Protección Civil, Policía Local e persoas que atenden o servizo de axuda no fogar”.

O material doado por AGMA SL consta de trinta equipos de protección individual que inclúen 30 mascarillas FFP2, 30 fundas clase 3, 30 guantes nitrilo, 30 pares de patucos, 30 calzóns desbotables e outras tantas toallas desbotables. Un material que a empresa decidiu doar ao Concello de Noia para axudar a combater a crise sanitaria actual e despois de facer un cálculo do material que precisará para manter os pedidos cos seus clientes.

O Concello de Noia agradece tanto esta doazón como a realizada onte martes por un veciño da vila, Ramón Martín Rodríguez, quen lle entregou buzos de protección ao Servizo de Protección Civil de Noia. Así mesmo, informa de que todas as empresas, entidades e particulares que desexen colaborar, poden facelo chamando a Policía Local de Noia (981 842 101) ou o servizo de Emerxencias e Protección Civil noiés (981 82 42 22)